mariña pérez rei. paquidermo (2010)
 

 

Mariña Pérez Rei

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

paquidermo

Coa publicación de Paquidermo, o novo libro de Mariña Pérez Rei, o sentimental_ISMO remata a súa etapa fundacional. Sete personalidades da literatura galega, con obra anterior publicada e distinguidas con importantes recoñecementos e galardóns, suscriben os principios constitucionais do movemento e compoñen un grupo selecto, podería dicirse un grupo de elite, que se sitúa á cabeza da revolución artística que o sentimental_ISMO propugna.

Mariña Pérez Rei, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica, acadou no ano 2005 o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón coa súa primeira obra, Fanerógama, e no 2006 obtivo o Premio Lueiro Rey de Novela Curta con Canícula. A estes libros seguiu, en edición artesanal da colección Bourel, Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, no 2009.

O punto de partida de Paquidermo é unha axeitada cita de Eugénio de Andrade pero, ideoloxicamente, o punto de partida é o De rerum natura (“Sobre a natureza das cousas”) do filósofo e poeta romano Tito Lucrecio Caro (séc. I a. C.) que, continuando a concepción atomista de Demócrito e a filosofía de Epicuro, proclama a realidade do ser humano no universo, observa a ignorancia, constata a infelicidade e incita á consolación, á compaixón é a liberación, procurando mellorar o mundo que nos rodea.

María Pérez Rei demostra amplos coñecementos de bioloxía e os seus poemas adoptan os ritmos da natureza. Pero non é unha natureza allea, externa ou contemplativa, ao xeito de Noriega, Aquilino ou Novoneyra: o máis interesante tematicamente do libro, e da obra de Mariña Pérez no seu conxunto, é a súa capacidade para formar parte do que conta, falar desde dentro, informar desde a natureza, desde a fábrica inmediata e directa dos seus procesos.

Preséntanos unha natureza non idealizada, que serve de modelo para transmitir a condición humana. Habitante das sabanas e das inmensas pradarías, a poesía de Mariña Pérez Rei trae unha nova luz, orixinal e diferenciada, á literatura galega. É un contacto buscado, e gozado, desde unha voz feminina: “... nazo Eva unha e outra vez, / Eva primípara, / Eva femia, / Eva muller”. Estamos ante unha liña de pensamento, con claves clásicas, que poetiza os tempos aurorais, e tal vez por iso non está exenta de resoancias mitolóxicas (“Como Europa, serás violentada polo touro / se as túas mans non copulan coas palabras”); estamos ante unha mímese lírica coa natureza: “Abrázome ao poema coma un simio asustado, / herbívora, só consumo bambú, / asalto as liames verdes que me transportan”, a través dos animais e o coñecemento da súa etoloxía e mesmo do pasado filoxenético humano: “preto de aquilo que nos levou a probar da carne / a humanizarnos”.

O cambio interno, a impermanencia, a concepción transitoria do humano (Heráclito de Éfeso, que observa o río e o lume): nada permanece, todo cambia. Por estas composicións, e polas alusións mitolóxicas doutros textos, o libro de Mariña Pérez Rei admite e propicia diferentes niveis de lectura, como se a poeta non quixese transmitirnos toda a información de súpeto, para non desvelar dun golpe todos os seus significados. A autora demostra un profundo coñecemento do animal humano, “ese depredador felino que nos observa dende a noca”, “vivo paquidermo”, que mira desde o fondo da súa condición e “devece por cruzar á outra beira, / á terra descoñecida e poeirenta”. É nestes poemas de misterio, sobre o gume sutil da ambigüidade, onde a maxia poética de Mariña Pérez Rei acada os mellores resultados. Ecoloxía profunda.


(Da Introdución, por Xesús Manuel Valcárcel)

 

 

 

 

  voltar